Sunday 28 de April de 2024

O festival Brión Inclúe aposta por unha ampla programación cultural pensada e estudada para a inclusión transversal


 

As persoas con discapacidade serán as protagonistas desta oferta cultural como creadoras de cultura, ofrecendo á cidadanía unha programación cultural de calidade e variada

A sala municipal de exposicións de Brión acolleu esta mañá a presentación do festival Brión Inclúe, que do 5 ao 16 de decembro presentará á cidadanía unha programación pensada dende e para a inclusión real de persoas con discapacidade. Unha oferta organziada polo Concello de Brión, xestionada por CulturActiva e cofinanciada por Gadis, que inclúe unha exposición de fotografía, obradoiros, teatro, música, danza…

A iniciativa foi presentado polo alcalde de Brión, José Luís García, e Fran Rei, coordinador do festival Brión Inclúe, que estiveron acompañados por usuarios e usuarias da asociación “Con eles”, da man de Dolores Maneiro; e do técnico de Cultura de Brión, Alberto Álvarez. O alcalde brionés explicou que “moitas veces, dende os poderes públicos nos centramos en facer cousas polas persoas con discapacidade; e nos esquecemos de facer cousas coas persas con distinta capacidade. E desta idea xurde Brión Inclúe: un festival que non produce contidos para persoas con discapacidade, senón que elas mesmas serán os creadores dunha ampla oferta cultural que incluirá: representacións teatrais, espectáculos de música e danza, contacontos, coloquios sobre arte, unha exposición fotográfica e ata un contacontos e un obradoiro de iniciación á linguaxe de signos. Unha programación cultural completa e de calidade da que estou seguro que desfrutarán moito os veciños e veciñas de Brión”.

Un punto no que incidiu Fran Rei, quen agradeceu a colaboración do Concello de Brión e convidou á veciñanza de Brión a asistiren aos espectáculos “cun ollo crítico, non por lástima”, xa que o obxectivo de Brión Inclúe é presentar “unha programación de calidade, normalizando e visibilizando a discapacidade como parte propia da cidadanía”. Un festival que tamén aporta integración ás familias das persoas con discapacidade, que vivirán a integración real, o acceso integral á cultura e os beneficios que isto achega tanto a nivel de recoñecemento social como de propia autoestima.

Programación

Os verdadeiros protagonistas do Brión Inclúe son os distintos colectivos, asociacións e profesionais que traballan cada día pola integración e a eliminación de barreiras como a Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), a asociación Con Eles, Cía 5.S, XeRock e Andaina Pro Saúde Mental. A programación completa do festival Brión Inclúe é a seguinte:

– Mércores 5 de decembro, de 10.00 a 12.00 horas. CEIP de Pedrouzos. Contacontos en linguaxe de signos + Obradoiro de iniciación á linguaxe de signos a cargo da Federación de Asociacións de Persoas Xordas.

– Do luns 10 ao domingo 16 de decembro. Centro social polivalente. Exposición fotográfica de Óscar Dacosta (AGARESO).

– Mércores 12 de decembro, ás 20.30 horas. Sala de exposicións municipal. Coloquio aberto: “Artes e Inclusión”. Espazo de debate entre axentes culturais, traballadores/as, voluntarios/as e usuarios/as das diferentes asociacións ou colectivos.

– Venres 14 de decembro, ás 18.00 horas. Centro social polivalente. Representación teatral “Circo da Diversidade”, da Asociación Con Eles.

– Venres 14 de decembro, ás 20.30 horas. Centro social polivalente. Representación teatral “Full Monty”, da Asociación Andaina Pro Saúde Mental.

– Sábado 15 de decembro, ás 20.30 horas. Centro social polivalente. Danza-teatro “Torre de Babel”, da Compañía 5.S.

– Domingo 16 de decembro, ás 12.00 horas. Centro social polivalente. Sesión vermú dinamizada polo cómico Pedro Brandariz con concerto de XeRock, mercado de colectivos e grande sorpresa.

Participantes

Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia. FAXPG traballa no desenvolvemento integral das persoas xordas de Galicia, en condicións de accesibilidade universal, poñendo o valor na utilización dunha lingua, a de signos, que forma parte da identidade de moitas destas persoas e constitúe un medio para poder comunicarse e integrarse de forma plena. As persoas xordas constitúen un colectivo moi heteroxéneo que precisa diversos recursos e axudas técnicas para eliminar as barreiras de comunicación, que son o principal obstáculo ao que se enfrontan para acadar a integración plena na sociedade.

CON ELES. Asociación sen ánimo de lucro formada por familias de persoas con discapacidade intelectual. O centro de día da entidade atende a persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias, para o seu desenrolo social e persoal, proporcionando os apoios necesarios e tendo en conta a súa individualidade e a súa autodeterminación. O centro de día atópase en Vilagarcía de Arousa, pero temos usuari@s de doce concellos da contorna. É un centro de día para adult@s, de 18 a 65 anos, e alí axúdaselles a potenciar as súas capacidades e a mellorar a súa calidade de vida mediante diversas actividades, sempre enfocadas á inclusión.

Cía 5.S. O proxecto de danza_teatro e inclusión social “Torre de Babel” nace no ano 2009 có apoio da concellería de asuntos sociais na Coruña baixo a dirección artística de Carlota Pérez, coreógrafa, historiadora da arte e xestora cultural. A idea do proxecto é que, a través das ferramentas do traballo artístico, se cree unha interconexión entre todas as alumnas e alumnos, ao mesmo tempo que se potencian as capacidades creativas de cada un deles. O proxecto lévase a cabo en colaboración con entidades públicas e empresas privadas. A selección das persoas integrantes ten en conta diferentes colectivos.

XEROCK. O grupo de rock XeRock nace no ano 2003 como resposta ás inquedanzas e aptitudes musicais de varios dos usuarios do Centro San Xerome Emiliani. A misión do Centro San Xerome é facilitar ás persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias apoios e servizos profesionalizados para mellorar a súa calidade de vida, intervindo no ámbito persoal, educativo, familiar, laboral e social. En decembro de ese mesmo ano dan o seu primeiro concerto, contando a día de hoxe con case medio centenar por toda España e Portugal. O impacto social de XeRock quedou reflexado no documental “Cantos Rodados” (Ficción Producións) no ano 2008, acadando unha importante repercusión mediática.

ANDAINA PSM. Andaina Pro Saúde Mental é unha asociación sen ánimo de lucro que naceu no ano 2010 para cubrir un baleiro que existía na atención global ás persoas con problemas de saúde mental das zonas rurais próximas a Santiago de Compostela. O seu propósito é prestar apoio ás persoas con problemas de saúde mental, aos seus familiares e achegados, fomentando a súa autonomía e dando sentido ao seu desenvolvemento cotiá. Apostan por unha vida activa a nivel físico, social e laboral, da que as propias persoas con problemas de saúde mental deben ser corresponsables. Buscan a mellora da calidade de vida das persoas coas que traballan e loitan pola defensa dos seus dereitos.

FRAN REI. Actor, pallaso e formador teatral dende fai máis de 15 anos. Na súa formación escénica destacan numerosos cursos de teatro, clown e bufón con algúns dos mellores mestres do panorama internacional. Como actor ten máis de 6 shows en activo, un deles merecedor do premio do público no Festiclown 2018. Dirixe varias aulas de formación teatral desde 2001. Especialista en clown, desenvolve regularmente obradoiros de iniciación e perfeccionamento desta técnica. Nos últimos anos está especializándose na formación de teatro para persoas con diferentes capacidades, descubrindo aquí un mundo apaixonante que ofrece multitude de beneficios: melloras na comunicación, socialización, autoestima, movemento, memoria…